domingo, 7 de febrero de 2021

Lilith, non sexas Eva

 

As fillas de Lilith son as que levan os barcos sen timón cando caen pola borde do fin do mundo; as que recuperan o norte despois de terse botado ó precipicio.



Elas sobreviven sempre ó deserto, á auga, ó tempo.

Viven noites en vela sen esperar que suba ou baixe a marea.

Palilleiras maxistrais dun tempo roubado, tecen paseniño fíos brilantes, esperando un mencer de faiscas, de lumes dourados.

Non son matronas de nenos loiros coma a cervexa; elas paren pesadelos, son nais de guerrilleiras das noites sen lúa pero coa fronte  acugulada de estrelas.


Eu fico á súa veira, eu fico con elas.



No hay comentarios:

Publicar un comentario