miércoles, 10 de febrero de 2021

17 de Outubro de 2009


Do meu pai herdei este nariz, un sorriso que me enche a cara; o gusto pola música, pola carallada e o xeito de apoiarme na barra do bar cando boto uns dados.




Del aprendín cousas importantes:

Que ata o máis rico se non ten palabra non ten nada,

Que os ricos fixéronse ricos coa sudor dos pobres,

Que unha muller bonita é máis bonita cando lle ferve o sangue,

Que se queres beber tes que saber mexar

E que o corpo as fai e o corpo as paga.


Ensinoume que querer entender o mundo é tempo perdido, 

Que non hai millor cousa que querer con ganas e comer con fame;

Que no corazón non se manda e que hai amores que duran máis aló da vida.


Coa súa perda aprendín que non sabes canto conta alguén ata que non está.

E que o profesor ensina o que sabe

Pero o mestre ensina o que é.


Marchou en Outubro pero disque

foi enterrado con un sol de Agosto e dúas rosas brancas.


No hay comentarios:

Publicar un comentario