martes, 13 de mayo de 2014

Feminino Universal Absoluto



Ludwing Wittgestein, filósofo Vienes nacido no 1889 (foi tamén profesor, enfermeiro voluntario, xardineiro e soldado) no seu “Tractatus lógico-philosophicus” fai referencia ó estreito vencellamento entre a linguaxe e representación do mundo. “Os límites da miña lingua son os límites do meu mundo”.

Partindo desta concepción do universo como linguaxe, e a linguaxe como representación do mundo, parto a explicar dous usos feministas da linguaxe.Por unha banda atopámonos co Feminismo Universal Compartido, no que existe unha intención inclusiva do uso do xénero feminino dentro da estrutura lingüística , sempre dun xeito progresivo e a moi longo prazo, con usos como por exemplo da @ na terminación das palabras e, doutra banda, atopámonos a implantación do Feminino Universal Absoluto. No primeiro dos casos a percepción que se recibe e máis un uso neutro da linguaxe que non unha propia inclusión do xénero.

No caso que nos compete, o Feminino Universal Absoluto, supón a colocación directa do xénero feminino, e polo tanto da muller, nun lugar digno dentro da linguaxe, das estruturas mentais e o que é máis importante, na proxección que facemos a través do seu uso no día a día e en tódolos eidos da comunicación. A aceptación e interiorización  do feminino absoluto supón  a ruptura coas  superestruturas heteropatriarcais, androcéntricas  e machistas herdadas e dominantes durante séculos. O uso da linguaxe en feminino universal non só é unha mera formalidade; é unha ferramenta máis, propia dos seres humanos, para  revisar, reinterpretar e reentender o mundo. Supón unha nova forma de narrarnos a nós mesmas e reivindicar a nosa presenza na comunidade. Fomentando a consecución dun cambio na percepción tanto individual como colectiva.

Coa implantación do Feminino Absoluto conseguimos abrirlle a porta a unha nova forma de comunicar, de compartir,  e de desenvolver unha identidade propia non sometida ó rol masculino, no noso entorno, tanto a nivel laboral como social.

Mercedes Bengoechea, Filóloga especializada en Sociolingüística e xénero (Universidade de Alcalá) Mantén que o uso actual da lingua non funciona porque non representa as mulleres , senón que representa a unha serie de códigos sociais , ideoloxías herdadas durante séculos nos que nunca se tiveron en conta o papel feminino agás para reducilo a ámbitos  domésticos ou tarefas sexualizadas.
Ben sabemos todas que a maior revolución do século XX foi a Revolución Feminista e a Loita Pola Igualdade da Muller, mais os dereitos conseguidos, aínda que  foron vitorias moi importantes, son tamén endebles, supeditadas a tempos de bonanza económica e liberdade relixiosa (estes dereitos da muller e as súas liberdades foron  os primeiros en ser abolidos ou reducidos en tempos de crise). Exemplo diso son os recortes  do goberno en materia de sanidade, a perda dos dereitos reprodutivos das mulleres, o unas taxas de paro; 31% de desemprego masculino fronte ó 34% de desemprego feminino, a precariedade laboral e desigualdade salarial.

Así mesmo este uso do Feminino Absoluto resulta importantísimo para abandoar a adscrición Androcéntrica aínda vixente, usada para reforzar a reputación profesional ou afirmarse nela como exemplos temos  Maria Perz Avogado ou Marta Lopez Procurador.

O uso do feminino absoluto danos a todas a posibilidade de abrir camiños, de mellorar as nosas estruturas mentais, traendo con estes cambios, novas formas de ver, de ser, e de estar na sociedade, abandoando vellas estruturas e sacándonos a nos mesmas e ó movemento feminista da getización á que nos vemos obrigadas. Romperíamos pouco a pouco coa sexualización das tarefas  .

Un fermoso exemplo deste cambio é o uso do Feminino Absoluto por parte dos varóns, onde  a integración do home no uso feminista da linguaxe supón a semente dun novo campo mental e relacional. 

Por último e para concluír cito unha frase de Florence Thomas: “El lenguaje es el fundamento de la reproducción del sexismo; es un aparato de construcción y de representación de la realidad y por consiguiente de la acción sobre ella por medio de elaboraciones simbólicas. A través del lenguaje internalizamos ideas, imágenes, modelos sociales  y concepciones de lo femenino y de lo masculino entre otras…” Interiorizamos que o masculino dirixe e domina , e que o feminino coida e cura ; condeando ó ser humano a unha vida parcial e dirixida por superestructuras instauradas en base a modelos de produción anquilosados e resistentes.