Mostrando entradas con la etiqueta Liberdade. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Liberdade. Mostrar todas las entradas

viernes, 26 de febrero de 2021

Fuck off, Sabina. Parte 2



Eu si quero un amor civilizado,

Con recibos e polvos de sofá.

Eu si quero que viaxes ó pasado 

E que chores se tes ganas de chorar.




Non me importan as veciñas do terceiro;

Eu si quero sembrar e compartir.

Quero 8 de Setembro e cumpreanos feliz.


Non me importa levarche as maletas,

Nen que escollas o champú.

Eu se quero cambio de planeta

E póñolle a un cadelo, Rus.


Quero moitas noites de regueifa

E columpio nunha pola no xardín.

Que o noso sexa unha lareira,

Aínda que cheire a pachulí.


Eu quéroo todo, contigo ou sen ti.


O que non quero é un corazón cobarde,

Nen ter que morrer por ti.

Nen matarme contigo se te matas, 

Nen que mates por min se eu morro.

Porque os bos amores curan,

Porque amores que curan nunca morren.


Se toca, haberá que xuntar para mañá;

Sempre souben chegar ó fin do mes...

Quérote libre e ocupado,

Con carne e con pecado,

Ceibe e sen pesar.


Eu quero que biques a miña cicatriz.

Quero Palermo en Setembro

E Ferrol no mes de Abril.


Espérame ás doce no portal

E dime: "voltemos comezar"


Eu saberei porqué o fixeches,

E ti xa me virás vir.

O que eu quero, home de ollos vivos,

E que vivas, sempre, a pesar de min.



domingo, 7 de febrero de 2021

Lilith, non sexas Eva

 

As fillas de Lilith son as que levan os barcos sen timón cando caen pola borde do fin do mundo; as que recuperan o norte despois de terse botado ó precipicio.



Elas sobreviven sempre ó deserto, á auga, ó tempo.

Viven noites en vela sen esperar que suba ou baixe a marea.

Palilleiras maxistrais dun tempo roubado, tecen paseniño fíos brilantes, esperando un mencer de faiscas, de lumes dourados.

Non son matronas de nenos loiros coma a cervexa; elas paren pesadelos, son nais de guerrilleiras das noites sen lúa pero coa fronte  acugulada de estrelas.


Eu fico á súa veira, eu fico con elas.



lunes, 1 de febrero de 2021

Fuck off, Sabina.

 

Hai mulleres que non arrastran maletas cargadas de choiva.

Hai mulleres que sempre escreben cartas de amor.



Hai mulleres que soñan con noites cheas de liberdade.

Hai mulleres que nunca din que si cando che din que non.

Hai mulleres que nadan espidas no medio do temporal.

Hai mulleres que ofertan desexo e reciben paixón.

Hai mulleres que cuspen na cara ó olvido.

Hai mulleres que bican á sua soidade.

Hai mulleres de terra e inmenso vrau.

Hai mulleres de ferro e de asteleiro naval.

Hai mulleres que son bombas de napalm.

Hai mulleres que falan cando lles mandan calar.

Hai mulleres con mapas dos recunchos da alma.

Hai mulleres que nunca firman a paz.

Hai mulleres con corpos sen peles enriba.

Hai mulleres cuxas ancas son postas de sol.

Hai mulleres que nunca che van dar a razón.

Hai mulleres de ferro, mulleres Total!



lunes, 17 de febrero de 2020

Tódalas Mulleres Que Son.




Afeita a buscar des-harmonías, aprendo que o chumbo que me pesa nas veas, alporízase sincronicamente cos tempos da marea.

  Acéndese a lava que todo o limpa, que todo o queima. 

F.Asorey. "A Santa"
Manteño os meus pecados capitais sobre as miñas pernas, sobre a anatomía mental das miñas cen mulleres antigas: Labregas, prófugas, ceibes, donas de si mesmas; capaces de, chegada a hora, arrincarse un membro para libertarse e manter os seu nome propio: A Corva, A Carreteira, A Meiga, A Madriña, A Avoa Vella. 

  Invócovos a todas hoxe, ás que me díchedes estes ollos, estes membros, esta anatomía interna.

 Chámovos a todas as que leváchedes este mesmo lume que me bule polas veas.

 A todas vos sosteño, feita de area de río, de madas de centeo. 

Aquí no medio do balbordo, aquí vos espero.


sábado, 5 de mayo de 2018

Da Manada e da guerra






Considérome feminista, leo, cuestiónome, creo na sororidade e aprendo cada día todo o que podo. Sei que ser feminista é un proceso, polo menos para as mulleres da miña xeración, longo, de toma de consciencia diaria e que normalmente vai acompañado dun espertar. Nós non recibimos educación en igualdade, non polo menos como se entende hoxe, estivemos divididas por xénero ata o instituto (polo menos no meu caso) e vivín na inopia ata os 20 anos; no meu contexto non se falaba de patriarcado, non se sabía o que eran os micromachismos, nin os teitos de cristal, tampouco se coñecía o ‘mansplaining’.


Pero co paso dos anos, as experiencias ensínanche que cada día vaste formando como feminista, cando decides apoiar a unha compañeira aínda que non che caia ben, cando criticas a un home por trato inadecuado, ou cando deixas a un noivo porque a súa ex era unha puta, unha tola ou unha puta-tola (xa me entendedes).

A base do meu feminismo susténtase na educación sobre a xustiza (nun sentido ético), no non calarse ante os tratos diferenciais por sexo, en reivindicar sempre o que considero inxusto e no acoso que sufrín en distintos aspectos da miña vida (daría para un #cuéntalo). Prefiro ir máis aló e falarvos de como enfronto a vida, porque no fondo todas somos superviventes en maior ou menor medida.

Baséase tamén no que me ensinou a miña nai desde moi pequena, e que case sempre foi transmitido co exemplo e case nunca con palabras. Nunca se deixou vencer, sempre incluído agora, que é unha señora xa maior, compórtase como unha leoa, e segue actuando coas súas propias normas. É certo que é unha muller chea de contradicións, moitas delas herdadas dunha sociedade retrógrada como a franquista, pero con raíces ancoradas en mulleres que fixeron o que lles deu a gana e que se mantiveron soas dende o 1800 ata 1990.

O discurso educador era un, pero o metadiscurso era outro ben diferente.
Xunto a este feito, debo sumar un pai xa maduro e que sempre alentou en min esas características propias da rebeldía da miña santa nai, que o mantiveron namorado e exasperado en certos momentos e que o foron educando durante máis 50 anos.

Tiven a sorte de ser educada por dúas boas persoas, maduras e xa curtidas polas inxustizas e resistencias que che ensina a escola do vivir.

Sei que se o meu carácter fose outro, ou que se eles me tiveran de primeira e non de última filla, na miña vida TODO sería diferente.

Todo isto a que vén? Pois está relacionado co caso da ‘Manada’, co ‘#cuéntalo’ e coa resposta social de nós as feministas.

Estiven falando cunha querida amiga sobre o que está sucedendo e certamente concordamos en case todo: a perversidade dese xuíz que debería estar inhabilitado, a potencia das plataformas e feminismos en resposta a sentenza, a inxustiza e ao maltrato á vítima, e por extensión, a todas as vítimas, etc.


Pero sobre todo hai que pensar en algo que quizais para min vén de serie, pero que para moitas de nós non... Nunca xulguei a unha muller que non se resiste ou que non se enfronta ao seu agresor, aínda que nunca me formulei non facelo (polo menos en agresión directa), pero creo que esta actitude que eu teño, que se forxou aos poucos e pagando un prezo alto, non a posúen todas as mulleres e creo que se debe mandar a mensaxe clara, rotunda e precisa de que debemos coidarnos, entre nós e nós mesmas.

É dicir, non podemos ir á guerra cunha variña máxica (gran frase lida en redes sociais) e esta é a mensaxe forte que quero que chegue a todas. Sabemos que se nos expoñemos (e creo que debemos expoñernos tanto como nos apeteza) debemos ter ‘armas’ para defendernos. Non me refiro tan só a sprays de pementa (que tamén), refírome a ter consciencia de que estamos nunha guerra e que certos comportamentos (que debemos ter igualmente) van ser centro de críticas, e van supoñer unha exposición a maiores perigos dos habituais. Creo ferventemente que debemos ocupar o noso espazo público, que se queremos podemos emborracharnos, drogarnos nos portais, volver soas á casa ou participar en orxías se é o noso desexo, pero non podemos esquecer que todas esas accións levadas a cabo fóra de contorna segura (e ata na contorna segura) poden ter consecuencias moi graves.

É fundamental reivindicar que temos dereito a non ser tocadas, a poder ir e vir libres en calquera estado sen que se nos increpe, pero esa liberdade non é nosa aínda, estámola conquistando, exercéndoa, e hai que exercela con consciencia. Como me dixo onte Isabel: ‘non vaiades gozar da neve descalzas, abrigádevos ben e ide igual, pero ben equipadas se así o decidides’.

Por todo isto compañeiras, eu a título persoal, sabendo que esta sociedade é unha merda, que estamos en guerra, que cada día aparece unha de nós asasinada, pídovos que abrades ben os ollos, que pelexedes sempre, que sexades guerreiras, que teñades claro que se non nos matan, as feridas se curan e os ósos se soldan, e que o trauma existirá igualmente con resistencia ou sen ela.
Se non podedes escapar, pelexade (física ou mentalmente), aprendede a facelo, aprendede como e ata onde para que ninguén poida facervos dubidar sobre que foi abuso e que foi agresión. Non vos deixedes seducir pola educación na paz que só a nosoutras se nos impón. Sede fortes porque, as miñas queridas lobas, mentres non cambie o statu quo, estamos en guerra e en tempos de guerra non se fan prisioneiros.


Quérovos libres e salvaxes pero sobre todo conscientes de que non podemos ir á guerra só cun cántico. Se temos que pelexar ata que cambien as cousas pelexemos; se temos que defendernos entre nós, non dubidedes; se temos que crear redes de apoio con descoñecidas, creémolas. Non confiedes en ninguén que non se teña mostrado digno de confianza. A nosa confianza é un agasallo, non o malgastedes. E se temos que morrer pelexando, pelexemos, fagamos o maior dano posíbel, aínda que as institucións que non nos protexen nos vedan o contrario.

Abrázavos e quérevos, a da palabra impura.





martes, 14 de junio de 2016

Sobre débedas e flores



 



Chegaches unha noite fría, cos ollos acugulados de estrelas;

Enchendo de faíscas o mundo, levando contigo

a miña alma que non estaba en venda.

Para ser quen somos non hai palabras no meu libro

Non hai verbas no meu dicionario

para explicarvos como cega esta néboa.

Baleirámonos neste sistema global e globalizado.

Pero aínda así, sen verbas, sigo sendo.

E besbello o teu nome nas fondas corredoiras da noite,

besbello paseniño, repítoo, como única verba redentora imposíbel.

Debúxoo cun dedo no vidro dos autobuses que xa non collo

escríboo no espello do baño cando saio dunha ducha quente,

tatúote na alma dos sen conciencia,

e retumbas nas miñas orellas e no meu peito.


 Besbéllote liberdade

e vocalízote como se aprendera a falar de novo.





martes, 17 de mayo de 2016

O Falar dos Vellos.





A morte chega e te leva, segura e fera,

Déixate batendo nos camiños do mundo

Abríndoche o peito, sacando para fóra

O aire pútrido mesto.


Ó lonxe fitas e ves o falar dos vellos

E ninguén pensa e ninguén chora como

Choran os nosos nenos; coa alma limpa

Coa vida chea, cos soños enteiros.


E por máis que caian as bágoas

Do silencio, por máis que perdamos

Soñando os soños, todo o que foi certo,

Aínda temos a liberdade de ser lume,

Osíxeno, combustión no medio do cemento.




miércoles, 16 de octubre de 2013

Eu cos lobos caminho



As raposas da noite mesta están

Con cen navallas abertas, listas

Para rompérvo-la alma, toda

enteira, cando o tempo o diga.


Pechade as bocas, pechade os nosos ollos

Que non seredes quen de pecha-las feridas


Nin permiso do ceo, nin aprobación dos homes

Habedes morrer todos pasando pola nosa fouce


Espérovos un a un nunha escura corredoira



Nin sonhedes con que cando durmo esquezo;

Esterco sodes para o meu xardín de rosas!



Pagade o prezo da man alzada

Contra as nais dos novos días

Pagade o prezo de tanta inxustiza

Que non descansaremos ata vervos

Feridos de morte, ata vervos

A todos enterrados en vida


E cando tenhades cumprida a pena

Cando paguedes pola vosa inxustiza

Caeredes coma sacos na nosa desidia

Non seredes máis que carne morta...


   Non seredes máis que recordo diso que

     Un día fostes, o recordo dunha vida.